viernes, 13 de septiembre de 2013

A negra canción do Monte Pindo

Reflexións nunha visita a unha terra devorada polo lume.



@xmlema


Non podía aguantar nin un día máis sen achegarme ao concello de Carnota. Para mirarlle ós ollos a ingrata realidade que me agardaba. Despois de varios días detrás dun micrófono, recollendo testemuñas, recopilando información e datos o vernes 13 era o día sinalado na axenda.


E o de venres 13, con todo o que vimos, valería para ser o escenario dunha película de terror. Co amigo Javier Bouzada saín de Santa Comba para facer un roteiro, deses que che deixan a moral polo chán. Desde  a Terra do Xallas percibíase no horizonte,  un ceo cuberto de fume, pero xa no concello de Carnota o impacto visual foi tremendo. 


Unha sensación dramática. Algún ser diabólico pintara de negro os montes e os campos, secando as veas da terra, ante a mirada impotente de veciños e casas, rendidos ante o cruel veredicto do destino.


Imaxes apocalípticas, cheiro a cinza. Senón fora por toda a información consumida, pensaría que era un pesadelo, que nos minutos voltaría a ver O Pindo, Ézaro, Cornido, San Cibrán ou Quilmas coma sempre, formando parte desa fermosa fotografía en combinación co mar.


O Monte Pindo acoitelado, ferido de morte, polas línguas de lume que naceron froito do odio ou do desequilibrio mental. Non había casualidades. As cores do día eran unha néboa putrefacta, de fume resignado, por unha batalla perdida. No peirao do Pindo, un grupo de brigadistas desolados collían folgos. A xente camiñaba silenciosa. Os paxaros avergonzábanse dos seres humanos, observando o cadaleito xigante do Olimpo Celta. No Pindo soaba un blues agónico, melancólico. Unha canción escura, con negra melodía.



No hay comentarios:

Publicar un comentario